Saturday 20 de April de 2024

A xunta apoia aos concellos de vimianzo e dumbría para a adquisición dun tractor ao abeiro do fondo de compensación ambiental


— O delegado da Xunta destacou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e os municipios galegos en proxectos que axuden a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a prestación de servizos públicos

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe o Concello de Vimianzo para presentar o novo tractor co que a Xunta colaborou cunha axuda de máis de 30.000 euros dun total de 47.000 euros para facilitar as tarefas medioambientais nos concellos de Vimianzo e Dumbría,

A axuda enmarcase no Fondo de Compensación Ambiental, que conta este ano cun orzamento de 11,3 millóns de euros co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento e a recuperación sostible dos municipios galegos.

Os concellos de Vimianzo e Dumbría recibiron o ano pasado axudas da Xunta a través do Fondo do Compensación Ambiental, ao igual que os municipios de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cerceda, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Muxía, Coristanco e Zas. En total, o Goberno galego colaborou en 12 actuacións ás que destinou máis de 565.600 euros deste fondo
Trenor destacou que “estas axudas son posibles grazas á aprobación, en 2009 da lei, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental xa que antes os concellos non percibían nada polos muíños de produción de enerxía eléctrica instalados no seu territorio”.
A Xunta apoia a través deste fondo ás entidades locais na conservación da biodiversidade e na protección do medio ambiente e do espazo natural, así como na mellora da eficiencia enerxética das instalacións e edificios municipais e a utilización de enerxías renovables.

Trenor incidiu na importancia da colaboración entre a Xunta e os concellos para levar a cabo actuacións que redunden no benestar da veciñanza. Nesta liña, sinalou que este apoio é fundamental sobre todo nos concellos máis pequenos para que poidan levar a cabo iniciativas que en solitario lles resultaría máis complicado ou non serían posibles.